O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, salientou hoxe que o Plan Estatal de Vivenda beneficiará a 20.000 persoas na comunidade ata 2016 e permitirá a Galicia continuar como referente nacional en rehabilitación. O mandatario autonómico asegurou que a vivenda, como necesidade social fundamental, pero tamén como importante campo de actividade económica, representa unha área de xestión “prioritaria” para a Xunta, e de aí que a nosa sexa das primeiras autonomías en desenvolver a segunda fase do Plan Estatal de Vivenda.
O titular da Xunta que asinou coa ministra de Fomento, Ana Pastor, o convenio para poñer en marcha en Galicia o Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, rehabilitación edificatoria e rexeneración e renovación urbanas, afirmou que este proxecto está caracterizado polo seu compromiso e sensibilidade coa situación actual, así como pola súa orientación cara a un futuro racional e sustentable nesta materia, e coincide así cos grandes eixes da política de vivenda que vén desenvolvendo a Xunta.
Nese sentido, destacou que o plan mostra un compromiso co presente porque aposta polas axudas ao alugueiro como fórmula para facer fronte á contradición posta á luz durante a crise pola existencia dun gran parque de vivendas baleiras e, por outra banda, de sectores de poboación con dificultades para acceder a un fogar.
Ademais, o presidente galego subliñou que o Plan estatal de vivenda contén un compromiso co futuro, porque fomenta a rehabilitación como fórmula para garantir edificios ben conservados, máis seguros e eficientes, así como cidades e barrios máis sustentables. Dese xeito, ademais, sinalou, garántese unha alternativa para o sector da construción, duramente afectado pola crise.
O titular da Xunta apuntou que o Goberno galego deposita altas expectativas na nova fase do Plan de Vivenda porque conta co aval dos bos resultados da primeira fase: 70% cumprido no que a alugamento se refire e 90% no caso da rehabilitación.
Por ese motivo, explicou que a Administración autonómica realizou xa un traballo de preparación previo, aprobando hai meses o decreto necesario para comezar a aplicar o plan en canto estivese asinado o convenio. Así, informou de que a Xunta ten xa redactadas e en tramitación para seren publicadas en canto se cumprimenten os pasos legais necesarios.
O mandatario autonómico salientou que este labor previo fará posible aforrar varios meses na activación dos programas fundamentais que compoñen este plan e que son: un programa de fomento do alugueiro; un programa para facer informes de avaliación dos edificios conforme á normativa estatal e europea; un programa concreto de rehabilitación edificatoria; un programa para fomentar o parque público da vivenda en alugueiro e outro para fomentar as cidades sustentables e competitivas.
En sintonía coas políticas da Xunta
Segundo subliñou o presidente da Xunta, as liñas mestras do Plan estatal de vivenda coincide coas prioridades marcadas polo Goberno galego na materia nos últimos anos. Así, puxo en valor as diversas iniciativas impulsadas desde o Executivo autonómico para garantir o acceso á vivenda das familias con menos recursos.
Alberto Núñez Feijóo fixo fincapé no notable esforzo realizado en materia de rehabilitación, ata o punto de facer de Galicia un referente estatal na materia. A ese respecto, destacou que Galicia ten un Plan Estratéxico de Rehabilitación dotado con 56 millóns de euros de orzamentos cos que se pretende que a Comunidade continúe á cabeza en rehabilitación de vivendas e dinamizando o sector da construción.
Remarcou que desde o ano 2009 o Goberno galego investiu 76 millóns de euros en rehabilitación. E, nesta estratexia, afirmou que a Xunta seguirá a dar prioridade á rehabilitación de vivendas no rural e de vivendas e edificios emprazados en núcleos históricos galegos.
Así mesmo, engadiu que está previsto dar continuidade á liña de adquisición de vivendas para a súa rehabilitación e posterior cualificación como de promoción pública para destinala á poboación con menos recursos, algo no que a Xunta xa investiu máis de 10 millóns de euros desde 2009, ademais das partidas dedicadas á rehabilitación do Casco Vello de Vigo, no que a Administración autonómica ten un 90% de participación.
Feijóo avanzou, ademais, que o convenio asinado co Ministerio permitirá continuar impulsando as áreas de rehabilitación, un ámbito no que Galicia é pioneira coa declaración das primeiras áreas de rehabilitación que existiron en España. Na actualidade, detallou, existen 57 áreas de rehabilitación declaradas en Galicia, das que 56 se encontran en 38 concellos e outra corresponde aos municipios do Camiño, co que o total de localidades afectadas é de 107.
O presidente da Xunta firmou hoxe este convenio coa ministra de Fomento para poñer en marcha na Comunidade un plan que xunto con outras iniciativas do Ministerio suman 128,3 millóns de euros en materia de vivenda, destinados a Galicia no período 2013-2016.
