A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, resaltou hoxe, durante a inauguración da oitava edición da Feira Tradicional dos Remedios de Ponteareas, o papel clave que desempeñan mostras como a desta vila na recuperación e no fomento dos oficios tradicionais galegos. Vázquez Abeal defendeu ademais a importancia das feiras de venda directa ao conformar puntos de encontro que permiten divulgar os oficios artesanais galegos entre a sociedade, concienciar a poboación do valor da artesanía e favorecer a comercialización do produto artesán galego, ao tempo que incrementan a atracción turística da zona.
A Consellería de Economía e Industria, a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, apoia no marco da súa estratexia de impulso ao sector artesán galego a celebración desta mostra, que se prolongará ao longo de todo o día, durante o que poderán visitarse 22 postos de produtos artesáns e alimentarios.
Ademais da exposición e venda dos produtos, completan o programa de actividades as demostracións de oficios como os latoeiros, os zoqueiros ou as palilleiras e obradoiros artesáns, nos que pode participar o público visitante, animación musical e teatro de rúa.
O impulso á promoción e á comercialización da artesanía galega, a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño e da Dirección Xeral de Comercio, é un dos eixes da estratexia que está a desenvolver a a Xunta en apoio deste sector. Neste sentido, o Goberno galego asenta o seu respaldo ao sector artesán en tres piares: a aposta pola innovación e o deseño, fomentando a adaptación ás novas tendencias do mercado; a formación e especialización dos profesionais; e a mellora da comercialización.
