Cantigas e Agarimos actúa mañá en Marín no marco do programa ‘Danza 3’ da consellería de Cultura e Educación

Cantigas e AgarimosA Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ofrece mañá en Marín unha actuación a cargo da formación de baile e música tradicionais Cantigas e Agarimos, que terá lugar a partir das 19:30 horas no recinto da alameda desta localidade pontevedresa no marco do programa ‘Danza 3. Folclore na rúa’.

A agrupación compostelá protagoniza este ciclo xunto a Xacarandaina da Coruña e O Fiadeiro de Vigo. Os tres colectivos están a desenvolver un total de nove espectáculos especiais ata primeiros de outubro noutras tantas localidades galegas que colaboran nesta iniciativa: Celanova, Xinzo de Limia, Cerdedo, Noia, Xove, Sada, Rianxo, Marín e Lourenzá.

Na actuación en Marín —á que asistirá en representación da Consellería o director da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), Jacobo Sutil— os músicos, cantareiras e bailaríns de Cantigas e Agarimos brindarán ao público unha selección do seu amplo repertorio a través dunha concepción formal adaptada ao espazo aberto dispoñible e que buscará a implicación dos espectadores.

Divulgación do noso patrimonio inmaterial

O obxectivo desta programación é transmitirlle á sociedade a esencia e a riqueza das nosas danzas, así como das músicas que as acompañan e do vestiario co que se poñen en escena. Contribúese, deste xeito, á divulgación dunha parte esencial da cultura de Galicia e do seu patrimonio inmaterial, tarefa na que estas tres formacións veñen traballando intensamente desde a súa fundación. De feito, e unidas como colectivo baixo as siglas XOC, Xacarandaina, O Fiadeiro e Cantigas e Agarimos son as impulsoras da proposta para lle solicitar á Unesco a declaración do baile galego como Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade.