O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou esta mañá o CEIP Plurilingüe Rosalía de Castro tras a renovación este verán da súa cuberta, en colaboración co Concello de Vilagarcía de Arousa. Unha obra que, tal e como sinalou o responsable do departamento educativo da Xunta de Galicia, “dá resposta ás demandas da comunidade educativa e eleva o investimento da Consellería desde 2009 en obras en centros de ensino de Vilagarcía de Arousa a máis de 1,3 millóns de euros”.
Neste sentido Vázquez Abad salientou o esforzo realizado nos últimos meses polo seu departamento para ter a punto os centros educativos do concello para o novo curso, que supuxo un investimento de máis de 154.000 euros, “cos que se reformou a instalación eléctrica e de calefacción do CEIP A Lomba, a carpintería exterior do CEIP de Rubiáns, e se renovou a cuberta do CEIP Rosalía de Castro”. Así mesmo, agradeceu a colaboración do Concello tanto nesta tarefa, na que sumou 30.000 euros aos 50.000 postos pola Consellería para atender a demanda da comunidade educativa do colexio de Carril; como noutras realizadas nos últimos anos e nos que a administración local contribuiu con man de obra.
Durante o seu percorrido polo centro o conselleiro estivo acompañado polo alcalde, Tomás Fole, polo delegado da Xunta na provincia, José Manuel Cores Tourís; pola concelleira de Educación, Rocío Llovo, pola directora do centro, María Mesía; e polo xefe territorial da Consellería en Pontevedra, César Pérez Ares.
Un centro dinámico
A obra realizada este verán no CEIP Plurilingüe Rosalía de Castro consistiu na retirada do material de cubrición existente para substituílo por unha cuberta de panel sandwich con illamento intermedio de espuma de poliuretano. Así mesmo colocouse panel sandwich liso con parte translúcida nas zonas de fachada inclinada entre saltos de cuberta. A obra completouse coa colocación de novos caneiros e baixantes, e coa impermeabilizacións dos canos interiores entre cubertas. “O investimento nesta actuación foi de preto de 80.000 euros – sinalou o conselleiro-, realizada en colaboración co Concello. Ademais, completa os traballos realizados no ano 2010 para cubrir patios e porches do centro, así como a instalación da alarma realizada no 2011”.
Vázquez Abad salientou ademais o dinamismo deste centro que, ademais de ser plurilingüe e contar cun auxiliar de conversa e con seccións bilingües, participa na iniciativa de contratos-programa, “en concreto na liña de reforzo, orientación e apoio e na de mellora da lectura, a escritura e o cálculo”. Neste sentido, felicitou á comunidade escolar pola súa implicación nas iniciativas novidosas que vai poñendo en marcha a administración educativa, ao tempo que salientou o esforzo da Consellería no centro, “que ascende a máis de 131.000 euros nos últimos anos, entre obras e programas educativos”.
